Perfil do solo
Aparencia
O perfil do solo é a exposición vertical de capas horizontais do solo, denominadas precisamente horizontes. Estes son o conxunto de calidades que lle son propias a un solo (textura, cor etc.). Nos solos pódense distinguir horizontes órganicos e minerais.
Horizontes
[editar | editar a fonte]Nun solo ben desenvolvido podemos distinguir tres horizontes:
- Horizonte A: é unha capa superficial (máximo de 0,5 metros de profundidade). Está constituído maioritariamente por materia orgánica, polo que é de cor escura; as partículas que o compoñen son moi finas. É unha capa moi porosa.
- Horizonte B: é o subsolo (profundidade máxima de 1 metro). Está formado por produtos da alteración das rochas lindantes e recibe tamén o material orgánico e mineral do horizonte superior. A súa cor é parda ou avermellada pola presenza do óxido de ferro.
- Horizonte C: é o máis profundo e está constituído por materiais separados do fondo rochoso. Está formado por cantos soltos nunha matriz de arxila e area, cada vez máis numerosas e de maior tamaño.
Procesos
[editar | editar a fonte]O perfil do solo está suxeito a tres procesos:
- Adicións ao solo: son os elementos achegados dende o exterior, como poden ser a auga, elementos da atmosfera (O2, CO2, nitróxeno, xofre etc.), materia orgánica e enerxía solar.
- Perdas dende o solo: son os elementos eliminados dende o solo, tales como a auga (por evaporación e transpiración), o CO2 (polo efecto de descomposición dos microbios), nitróxeno (desnitrificación), volume (por erosión) e enerxía solar (por radiación).
- Transformacións no mesmo solo: refírese á circulación de nutrientes (ciclos bioxeoquímicos), materia orgánica, formación de compostos minerais, reaccións entre materia orgánica e arxila e formación de estruturas e concrecións.
Todos estes procesos son importantes para a conservación dos solos.